|
Estes días o Goberno Municipal de Vilagarcía de Arousa, anunciou que os usuarios do servicio público de prestamos de bicicletas, terán que abonar unha cuota de 15 euros. Dende Esquerda Unida temos que manifestar que non estamos dacordo con esta imposición económica, que ademais deberá discutirse e aprobarse en pleno, xa que require dun acordo de prezo público, por que non entendemos xustificada, e polo tanto solicitamos a súa rectificación, e que o servicio continúe sendo gratuíto.
A concelleira Rosa Abuín, tamén presentou como avance que a empresa concesionaria teña agora que contratar a tempo completo a dúas persoas. Ata a data o persoal contratado era dunha persoa a tempo completo e outra a media xornada, pero a realidade demostraba xa fai tempo que ese persoal era insuficiente para atender o servicio, e que estaba “cargado” de horas extras que non se abonaban e non se cotizaban. Tanto é así que fai pouco máis dun mes a Empresa titular do servicio DESPEDÍU, ao traballador contratado a tempo completo porque manifestou ante o empresario que non era admisible nin soportable continuar facendo xornadas laborais que en moitos días implicaban unha dispoñibilidade horaria e unha prestación efectiva de servicios de ata 12 horas o día, e sen descansos semanais. Incluso coa ampliación da contratación a outra media xornada, non se está en condicións de atender o servicio plenamente sen vulnerar os dereitos laborais en materia de xornada e salario. De todo o anterior é coñecedora Rosa Abuín, que sen embargo NON interveu para impedir ese inxusto despido, cando agora vénse a recoñecer que a queixa do traballador despedido era xusta e que hai que ampliar a contratación, pero xa con outra persoa no seu lugar. O que non podemos aceptar é que con cartos do orzamento municipal do Concello e dos usuarios, un empresario privado, con domicilio fiscal no Concello de Narón, saque beneficios sen respectar os dereitos do laboral contratado, sendo ademais inxusto socialmente a introducción dun abono anual sen criterios de renda ou progresividade.
Asd. Grupo Municipal de Esquerda Unida |