euvilagarcia - O futuro da sanidade pública en Vilagarcía
 
 
Inicio arrow Artigos arrow O futuro da sanidade pública en Vilagarcía
O futuro da sanidade pública en Vilagarcía

As declaracións do Sr. Modesto Pose afirmando que o SERGAS prepara unha “reorganización a fondo das prestacións sanitarias na área de Vilagarcía”, son unha seria advertencia para os cidadáns de Vilagarcía. Despois dos intentos de suprimir o servizo de analíticas da Casa do Mar, e recortar o horario de urxencias no ambulatorio San Roque, estas declaracións do deputado socialista parecen feitas adrede para que os cidadáns nos vaiamos preparando para o peor.

O Sr. Pose expuxo que esta “reorganización”  consiste basicamente na actual ampliación do hospital comarcal e na creación dun novo centro de saúde.

Sobre a ampliación do Hospital do Salnés, é preciso sinalar que non cubre en absoluto as expectativas da poboación. Segue sen considerarse a creación dunha unidade de coidados intensivos (UCI), que é necesaria dado que o centro dispón de quirófanos nos que se practican intervencións con anestesia xeral.

O aumento do número de camas e a ampliación do servizo de urxencias só responden a unha consigna: atender a máis pacientes.  Sen embargo de pouco serve aumentar a capacidade de atención se non se dota ao hospital de novas instalacións de diagnose  e de tratamento. ¿Ata cando seguiremos facendo as resonancias nun autobús?

En canto á creación dun novo centro de saúde na cidade, ó Sr. Pose só parece importarlle atopar unha ubicación para o mesmo, deixando de lado aspectos fundamentais como os servizos cos que debe contar e o modelo de coordinación do mesmo có ambulatorio San Roque e o Hospital Comarcal.

Tamén resultaría interesante saber o porqué do interese manifestado de pechar as instalacións da Casa do Mar. ¿Como pode ser compatible xustificar a necesidade dun novo centro médico e ao mesmo tempo pedir o peche de outro?  ¿Que plans ten a Autoridade Portuaria para o edificio da Casa do Mar? ¿Será un hotel ou un novo centro comercial?

Os cidadáns de Vilagarcía non podemos ceder na defensa do noso dereito a dispoñer dun sistema sanitario público de calidade. Debemos permanecer atentos aos próximos acontecementos e mobilizarnos cando sexa preciso, para non perder ningún dos servizos dos que dispoñemos.

 
 
JSN ImageShow - Joomla 1.5 extension (component, module) by JoomlaShine.com
Deudas, reformas y finanzas